É unha Inspección Técnica periódica e obrigatoria de tódolos edificios, para determinar o seu estado. Trátase dunha inspección que deberán pasar tódolos edificios en función da súa antigüidade, para acreditar o seu estado de conservación, condicións de estabilidade, seguridade, estanquidade, consolidación e habitabilidade, calquera que sexa o seu destino (vivenda, oficinas, industria, comercio, etc.). A ITE permitirá que se acometa a tempo a execución das medidas inmediatas que eviten tanto os riscos para a seguridade das persoas como a necesidade de afrontar reparacións mais complexas e custosas.
Coa entrada en vigor da "Ordenanza sobre conservación, rehabilitación e estado ruinoso das edificacións", publicada no BOP de Lugo do mércores 8 de outubro de 2003, o Concello de Lugo regula a Inspección Técnica da Edificación ITE (Título I, Capítulo 3) no seu termo municipal, imposto pola normativa urbanística e de réxime do solo, e segue a estela dos principais municipios do país, que pouco a pouco xa teñen cadansúa ordenanza para garanti-la seguridade, salubridade e ornato público dos edificios.
Así, as persoas propietarias deberán encomendarlle a un técnico/a facultativo competente na materia a realización da inspección ITE para determina-lo estado de conservación do edificio, ou definir, se é o caso, as obras de conservación e rehabilitación que fosen precisas para garanti-la seguridade, salubridade e ornato público. No caso de vivendas: arquitectos/as, arquitectos/as técnicos ou aparelladores.
A persoa propietaria deberá facilitar ó técnico/a redactor do informe a visita de inspección a tódalas dependencias do edificio, ó fin de que poida determinar qué obras son necesarias no inmoble para garantir as condicións de seguridade construtiva ou que este non precisa actuación ningunha.
Unha vez efectuada a inspección farase constar o seu resultado no impreso normalizado, que deberá ser visado polo colexio profesional correspondente. Dito impreso presentarase pola propiedade para a súa incorporación no Rexistro de Edificios no Rexistro Xeral do Concello e o seu resultado quedará reflectido no citado Rexistro de Edificios.
O incumprimento do deber de presentación da ITE dentro do prazo concedido supón que o Concello obrigará a que esta se faga, outorgándolle á propiedade un prazo de tres meses, coa advertencia de execución forzosa (multas coercitivas de 300 a 6.000 euros ou execución subsidiaria) no caso de incumprimento do requirimento, todo isto sen prexuízo da sanción que lle corresponda dacordo co establecido na LOUGA.
Non dubide en poñerse en contacto con nós para calquera consulta ou aclaración, ou solicitar presuposto sen ningún compromiso.